Uns 50 expertas e expertos comparecerán na subcomisión do Congreso que revisará a Lei contra a Violencia de Xénero

(EUROPA PRESS) –

Ao redor de medio centenar de expertas e expertos comparecerán na subcomisión parlamentaria que revisará o funcionamento da Lei contra a Violencia de Xénero, a primeira que aprobou o Goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero en 2004, segundo informaron a Europa Press fontes parlamentarias.

Tras a primeira reunión deste grupo de traballo, celebrada esta mañá no Congreso, os deputados decidiron ampliar até o próximo 27 de novembro o prazo no que os grupos políticos poden presentar a súa lista de posibles comparecentes, data no que se fixará o número exacto de relatores.

O PSOE quere que acudan a esta subcomisión a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica (de xénero) do CGPJ, Inmaculada Montalbán, a especialista do Consello de Europa Marta Requena, expertos da Fiscalía Especial de Violencia de Xénero, e xornalistas que informan sobre este tipo de casos.

PSOE: "PERFECCIONAR A LEI"

A deputada socialista Carmen Montón explicou que este grupo de traballo, no que deben comparecer moitos especialistas pero sen que tampouco se eternice, debe servir para facer propostas ao Goberno para que perfeccione a lei.

Pola súa banda, o PP proporá a comparecencia, entre outros, da maxistrada da Audiencia Nacional María Tardón, do presidente do Consello Xeral da Avogacía, Carlos Carnicer, de representantes de consellerías de asuntos sociais, e de funcionarios que atenden ás mulleres maltratadas nas audiencias provinciais. Ambas as formacións pedirán a participación da Asociación de Mulleres Xuristas Themis.

A portavoz 'popular' Carmen Quintanilla destacou a importancia deste grupo de traballo porque a lei ten moitas lagoas e non está a dar unha resposta clara á violencia contra as mulleres. Esta subcomisión ten que servir para pór en marcha novos instrumentos que fagan posible que a violencia machista desapareza.

Segundo dixo, o PP volverá presentar a súa proposta, no seu día rexeitada, na que solicita que a muller que sofre a violencia en grao menor sexa protexida con medios telemáticos e que aquela que pode ser agredida ou asasinada conte cun garda civil ou un policía nacional as 24 horas do día.

Ademais, os 'populares' apostan por ampliar o prazo de catro meses que ten esta subcomisión para expor ao Goberno reformas na Lei de Violencia de Xénero e nas normas autonómicas creadas para erradicar esta secuela.

Recollido do periódico dixital Red Feminista. Traducido por D.G.T.