Benvida ao Obradoiro 2010-2011

Benvida a un novo curso e a un novo proxecto de camiño cara á tan ansiada igualdade; unha benvida un tanto descafeinada dado os momentos que estamos a vivir: desaparición do SGI en Galicia, desaparición do Ministerio de Igualdade a nivel estatal, contra a cantidade de mortes, asasinatos, de mulleres a mans dos “compañeiros” que superan as do ano pasado, ou contra as mensaxes que se reciben por parte de políticos ou representantes da cidadanía que nada teñen que ver coa igualdade pretendida ou desexada pola que loitamos de xeito cotiá moitas persoas, homes e mulleres, durante moitos anos.

É histórico o feito de que cando hai momentos de crise, os temas “femininos”, noutros tempos chamados con desprezo, “mujeriles”, perden forza e pasan a segundo plano, porque xa non venden politicamente, porque na realidade cotiá non teñen tanta importancia como se lle quere dar en determinados momentos, porque se lle bota a culpa de ser gravosos para os orzamentos dun estado en precario…etc. Sexa polo que sexa, o caso é que desaparecen como por obra de maxia, esas preocupacións que, noutros momentos de bonanza, teñen unha grande importancia pública e notoria.

É histórico tamén que cando o colectivo de mulleres reivindica o seu sitio, que non é o de ninguén, senón o seu coma cidadá, coma persoa, empeza a haber unha preocupación até o límite de cortar polo san tamañas reivindicacións…así en 1298, Bonifacio VIII coa Bula Periculoso prohibe que as monxas saian do mosteiro sen permiso do bispo. Ademais dispuxo que as que tivesen cargos de responsabilidade (abadesas, prioras) usasen de procuradores que as representasen. Deste xeito, deixaron de poder actuar por si mesmas. Faise isto nun momento en que as monxas abadesas comezan , ou xa teñen, a ter moito poder, económico, cultural e incluso político e social.

Nin que dicir ten que non estamos no século XIII e que, por suposto, o movemento de mulleres de hoxe en día , no que tamén participan homes, non ten volta atrás, pero si pode ter atrancos suficientes para que quede mermado nas súas conquistas ou freado momentaneamente.

Para iso, para que non se produza unha tremenda involución e se perdan todos e cada un dos esforzos feitos por homes e mulleres é para o que temos que por o noso gran de area no deserto que é o que eu tentarei facer desde esta plataforma e desde a que, agardo, ter a colaboración e participación do alumnado e o profesorado do IES San Clemente.

Guillermina Domínguez Touriño