25 Novembro de 2010. “El mundo no podrá ir bien si se discrimina y se violenta a la mitad de su potencial humano”

Algo si ten cambiado, é verdade que antes non se coñecían as mortes, os asasinatos, que apenas había unha mínima conciencia pública, cidadá e política, entre outras cousas porque o persoal era privado e, agora, o persoal é público, afortunadamente.

Tristemente temos que seguir a refrescar a memoria, tódolos anos, cos días sinalados, e digo tristemente porque ao que o feminismo e, supoño, toda persoa cun mínimo de sentido da xustiza, aspiraría, sería a non ter que sinalar ningunha data, e menos unha tan dura coma esta; en pleno século XXI, nunha democracia semiconsolidada, nun mundo chamado desenvolvido, onde os dereitos humanos e a xustiza social debe imperar, temos 62 (70 a día de hoxe) asasinatos, oficiais, de mulleres so en España, non imos contabilizar as de Europa ou do mundo porque as cifras serían escandalosas. O feito de ser muller está detrás de todos eles, de todos eses casos nos que algún que outro dos asasinos, suicídase…Hai toda unha traxectoria detrás de eses asasinatos que como cidadás e cidadáns, como persoas temos que asumir, asumir en canto a que é un problema de educación, de arraigamentos, diría que, milenarios nos que a nosa sociedade vive aínda e que entre todas e todos temos que tentar de erradicar. Coido que a única maneira de facelo dun xeito definitivo é a través da educación e da educación en igualdade absoluta, e iso ten o seu tempo porque calquera cambio dese tipo leva tempo.No seguinte cadro actualizado a 15 de Novembro de 2010, pódese comprobar o feito, que xa quedará obsoleto en poucos días, xa que a data de hoxe xa ten aumentado.Xa fai moitos anos que eu lle escoitei a Carmen Alborch o concepto de “ sororidade”, que sen ela pouco poderíamos avanzar as mulleres, sen a nosa complicidade, sen a nosa empatía pouco poderemos facer, e si, ademais, empezamos a ter a solidariedade cívica dalgúns varóns que xa se consideran irmáns nestas loitas, estou segura de que rematarase este grave problema, aínda que eu non o vexa.Hai moitas cousas das que gozamos que foron conseguidas a través de moitos séculos por moitas mulleres que son as grandes esquecidas pola Historia, algunhas coñecidas, a maioría anónimas, que coas súas vidas pequenas e sinxelas avanzaron e nos deron a liberdade da que hoxe gozamos; temos unha conta pendente con elas, coas mulleres do presente e coas do futuro, non é posible baixala garda e deixarnos vencer pola desaparición de Servizos de Igualdade (o SGI en Galicia) , ou de Ministerios de Igualdade (Supresión do “gravoso” Ministerio de Igualdade por parte do Goberno español e por causa da “crise”…internacional), aínda que nos supuxeron no momento da súa aparición na escena político-social, todo un logro e un halo de ledicia. Sen organismos tamén temos que seguir traballando, individual e colectivamente para que dunha vez por todas deixemos de conmemorar días coma o de hoxe.