8 de Marzo de 2011

Pouco temos que celebrar as mulleres nun ano que xa leva as súas costas 15 asasinadas por violencia machista e aínda estamos a primeiros de Marzo. Como tantas outras cousas que suceden nas crises, o movemento de mulleres pasa a un segundo plano, deixa de existir, ou de "estar de moda", a igualdade tan manida, os dereitos e, incluso ás veces, involucionan certos dereitos adquiridos. De feito, aquí, en Galicia, hai un anteproxecto de Lei de protección á familia (en singular) que é todo un retroceso para os dereitos acadados polas mulleres ao longo do último século. Ben é verdade que ten sido xa contestado por certas asociacións de mulleres e polo CES (Consello económico e social) na súa maioría, pero tamén é certo que a súa lectura nos invita a reflexionar na situación que se atopa o problema das mulleres no mundo que nos rodea, que aínda onte as estatísticas do paro sitúannas como as máis prexudicadas xa que se estende ao sector servizos que é ocupado fundamentalmente por mulleres e que este grao de violencia machista ten as súas connotacións claras co momento de crise que estamos a vivir. Non sei si coas eleccións os partidos , de repente, recuperarán o interese polas políticas de "igualdade" ou pola representación de un colectivo que é cíclica e se utiliza descaradamente para conseguir ou non votos nun momento ou outro, pero si teño claro que non estaba tan arranxado o tema do xénero, cando nunha crise coma esta desaparece todo o interese , desaparece o SGI, pero no anteproxecto citado dise de crear un Consello novo para a familia, insisto, en singular….Non existen as familias en Galicia, só a familia tradicional e os que chaman "núcleos de convivenci" (¿¿¿???). A ONU fai máis de quince anos que ten recoñecido no mundo máis de trece tipos de familia, pero en Galicia coidar ás persoas maiores, e parentes diversos nas caseque familias tribais que aínda temos, sobre todo no rural, ou calquera tipo de "familia" que se salga da "tradicional" é considerada como "núcleo de convivencia"…e grazas…

Se a todo isto lle engadimos o desencanto propio que ten o colectivo de mulleres, sobre todo as máis novas, que creeron que os sucesivos plans de igualdade, a escola mixta (que non coeducativa), ían a arranxar o problema e convertir aos homes na corresponsabilidade, o panorama non é para estar contentas. Pero….iso sí é para seguir traballando con ilusión e con forza en non dar máis pasos cara atrás, en non volver ás andadas, en seguir medrando como cidadás de pleno dereito que seguimos a ser….

Boa conmemoración, e a seguir adiante mulleres e homes xuntos cara a un mundo máis equitativo, máis xusto e, por que non, máis violeta, máis feminino….

Guillermina Domínguez Touriño