Violacións Correctivas en Suráfrica

Violacións “correctivas”

 

Xa o dicía, fai tempo, Whoopi Goldberg, ser muller, negra e lesbiana, en USA era o peor que podía ser alguén….pero comprobamos que non é só, nin moito menos, nos USA, senón que nun país do extremo meridional de África, non só é malo ser muller, negra e inda por riba, lesbiana, senón que é peor….alí están a morrer asasinadas, sen impunidade, gratuitamente polo feito de amar de diferente xeito a como o fai una sociedade, que, paradoxicamente permitiu o matrimonio homosexual desde o 2006.

Ante iso, eu me cuestiono o que significa ser muller, unha vez máis, e lesbiana, porque si está permitido o matrimonio homosexual será só para homes , e , de novo, a posición das mulleres volve a ser de cero. Tamén teremos que loitar desde eses frontes, está claro que unha vez que se “tolera” a homosexualidade nun país como o noso, ate que se respecte, pasa tempo, e si ademais é a feminina, pasa máis tempo, será por iso que un país que superou con dificultades graves o “apartheid”, que chega a ser unha República “moderna” e que admite nas súas leis o matrimonio homosexual, ten que pasar aínda da “tolerancia” coa homosexualidade feminina ao respecto coa mesma.

“Te lo mereces”…ista é unha das moitas frases que escoitan estas mulleres violadas e asasinadas ou mortas a consecuencia da Sida, para corrixir a súa homosexualidade…outro paradoxo, xa que no caso de poder ser corrixida tamaña “dexeneración” que consideran, coido que o camiño é máis ben errado, ningunha muller lesbiana, supoño, “corrixiría” a súa orientación “desviada” a través dunha agresión como a violación para converterse por obra e graza do macho, nunha perfecta heterosexual.

Atavismos e crenzas como as que estamos a ouvir estes días co gallo desta noticia tampouco están tan lonxe na nosa sociedade que “tolera” pero a maioría das veces non respecta, mais que por obriga dunha afortunada lei, a homosexualidade, sobre todo a feminina.

A vida cotiá de homes e mulleres “diferentes” sexualmente, en provincias, en pobos pequenos e non tan pequenos, coido que non é nin tan respectada, nin tan glamurosa como ás veces se pretende . É obvio que temos superado, como sociedade, correccións tan graves como á que se asiste en Sudáfrica, pero tamén é obvio que temos que seguir demostrando que somos “normais”, que temos os mesmos problemas que moita xente e que temos incluso, fillas e fillos “normais”. Aínda temos sectores da sociedade que non nos consideran “familia”, apoiados polos gobernos máis conservadores ou por Igrexas máis ou menos oficiais.

Vaia a miña solidariedade e o meu respecto absoluto para estas mulleres que son capaces de denunciar, de agruparse, de loitar pola súa liberdade e a súa diferenza, ao remate son elas soas quen de defenderse ante tamaña aberración.

Guillermina Domínguez Touriño