Na Coruña cativa e afastada de comezos do século pasado, dominada aínda pola Torre, dúas mulleres decidiran casar. Había formas máis convenientes, máis discretas de levar unha relación así, fóra dos focos. Mais elas casaron como se fose posible, como se fosen home e muller, como se fosen dúas persoas libres e namoradas. Elisa e Marcela foron Mario e Marcela ante o altar e ante a cámara do estudo de Sellier, o fotógrafo. Acabaron descubertas e a noticia alimentaría durante meses a curiosidade maliciosa da prensa en Galicia, España e Portugal. “Matrimonio sen home”, escribían. Eran a muller barbuda, era un espectáculo de feira, motivo para disquisicións morbosas sobre as patoloxías sexuais e as neuroses femininas. Quixeron fuxir, mais todo era cada vez máis difícil. Maletas desfeitas na Coruña, en Porto, en Bos Aires, en México… Normal trae de volta a Marcela e Elisa, antigas estudantes da Normal. Dámoslle tamén a volta á súa historia: unha historia tráxica de amor e de fuxida. Acaso, unha simple historia de amor.
Si, unha simple Historia de amor, de tantas que pode haber, coa diferenza de que eran dúas mulleres e unha fíxose pasar por home ante a Igrexa, para casar e poder vivir coa súa muller o resto da vida…Aínda que pareza unha historia lonxana no tempo, nin o é, porque foi a principios do século XX (1902), nin os seus sofrimentos e avatares quedan afastados da nosa realidade, cecáis non da de España que grazas a o Goberno saínte nestes días, "normalizouse" a nivel oficial, que non oficioso, máis hai moitas mulleres aquí e fóra de aquí peor aínda, que nunca se atreverán a amarse con liberdade polas represalias que isto tería nas súas vidas, até chegar á morte en moitos países, aínda hoxe. Aí tendes unha fermosa e triste Historia de amor que, ao mellor, vos axuda a comprender a diferenza que non por selo é mala nin boa, só é diferenza….
Guillermina D.T.