O ano 2011 rematou cunha taxa de paro feminino do 19,09% e só o 5% das mulleres chega á idade de xubilación con 35 anos cotizados. O traballo doméstico, que segue a recaer maioritariamente nas mulleres, representa o 37% do PIB e no 2011 foron asasinadas, aló menos, 85 mulleres en todo o Estado español e tres en Galiza segundo cifras oficiais. Estes son só algún datos que dan conta do longo camiño que teñen aínda por percorrer as mulleres para lograr a igualdade real na sociedade actual e que xustifican, un ano máis, a conmemoración reivindicativa do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Dez colectivos galegos –Andaina, CIG, CUT, Faraxa, FeminismosCompostela, Marcha Mundial das Mulleres, Nós Mesmas, Rede Feminista Galega, SLG, e STEG- presentaron hoxe na capital galega a campaña nacional conxunta e coordinada deste 8 de marzo baixo o lema ‘Mulleres galegas, en loita polos nosos dereitos!’.
Palestras, exposicións, xornadas de cine e outro tipo de actos celebraranse nestas próximas semanas nas principais vilas e cidades do país para propiciar encontros entre mulleres. Trátase dunha completa axenda de eventos comarcais que terá o seu punto central na mobilización prevista en Santiago para o domingo 11 de marzo, a partir das 12:00 horas, e que sairá da estación de tren.
“É mentira que as mulleres somos as nosas peores inimigas como intenta facernos crer. Estamos aquí para desmantelar esa mentira e proclamar a unidade e irmandade entre as mulleres. O feminismo é imparable”, aseguran Trini Pérez-Labaca, da Marcha Mundial das Mulleres e Mai, da Rede Feminista Galega.
“En Galiza e no mundo, ser muller hoxe en día, significa non ter garantido o dereito a unha vida digna”, denuncia Mai, quen chama a secundar esta campaña como “un berro colectivo de rexeitamento ós xogos do grupo do poder”. “Non imos aceptar a histórica precariedade nin o sometemento nin a falsa responsabilidade da crise que nos atribúen os gobernos”, afirma.
Denuncia o “recrudecemento do machismo nas institucións”
No mesmo sentido, Trini asegura que “a actual ofensiva patriarcal está alcanzando cotas insospeitadas”. Así, denuncia o “recrudecemento do machismo nas institucións”. Os dez colectivos convocantes da campaña do 8 de marzo alertan sobre a “ausencia de políticas feministas reais” e cargan contra “a eliminación de organismos como o Servizo Galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivo-sexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto”.
“Que as mulleres non somos nada para os poderes políticos, relixiosos e económicos que nos gobernan é tan evidente que non só se reflexa en que sexamos as que máis gravemente sufrimos as consecuencias da crise, senón tamén en que as primeiras institucións desmanteladas non contexto da crise capitalista foron as que traballaban pola igualdade, información e protección ás mulleres”, sinalan.
As feministas galegas esixen, ante todo, medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar a violencia machista
A través do manifesto acordado polos dez colectivos, as feministas galegas esixen, ante todo, medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar a violencia machista. Tamén sanidade pública, universal e gratuíta de calidade especializada na saúde das mulleres e ensino público, gratuíto, non sexista, laico, de calidade e en galego.
Prestacións sociais e pensións dignas, medidas para equiparar os dereitos laborais e de protección social das traballadoras do servizo doméstico cos demais réximes, acción dirixidas a eliminar as desigualdades salariais, precariedade e sobreexplotación das mulleres ou a aplicación da Lei de titularidade compartida nas explotacións agrarias son outras das quince demandas incluídas no manifesto.
Trátase, en definitiva, como apunta Mai, de dar unha “resposta específica como mulleres”, ás continuas agresións de dereitos, pola propia “supervivencia e calidade de vida”.