Inicio do programa Leonardo da Vinci

lara_palestraO primeiro proxecto de mobilidades Leonardo da Vinci do IES San Clemente está en vigor desde o 1 de setembro de 2012, ofrecendo a posibilidade de realizar a FCT en Portugal ao alumnado do ciclo medio Sistemas Microinformáticos e Redes.

A alumna Lara Vázquez Caamaño renunciou a realizar a súa FCT na primavera pasada para poder participar neste proxecto durante outono. Finalizado o seu período de prácticas na empresa Teleperformance, en Lisboa, regresou ao IES San Clemente para explicar a súa experiencia aos alumnos de SMR.

 

Lara realizou tarefas de mantemento e reparación de hardware e redes, así como instalación e configuración de software específico para un Call Center da empresa, durante tres meses que se lle fixeron curtos. O ambiente de traballo foi bo e recibiu toda a axuda que necesitaba, por iso recoméndaa para futuras mobilidades. Indicou que as interfaces de todo o software utilizado eran en lingua inglesa.

En canto á lingua, afirmou que a preparación previa tanto durante o módulo bilingüe Sistemas Operativos en Rede, como nas sesións coa profesora Débora Eleti, foron unha boa base para comezar a súa aventura en Lisboa. Porén, recomenda que no futuro se faga énfase nas clases de conversa para mellorar esta preparación.

 

 

Os asistentes fixeron múltiples preguntas relacionadas co aloxamento, excursións, comidas, amizades, vida nocturna, saúde, transporte, etc, que Lara contestou ilustrando as respostas con unhas cantas fotos da Cidade das Sete Colinas. Destacou o alto nivel cultural dos lisboetas, a súa preparación e educación, así como a axuda recibida polos titores do colexio INETE, o noso socio intermediario.

Na seguinte foto acompañan a Lara os alumnos preseleccionados para realizaren as súas prácticas en Lisboa na primavera de 2013: Daniel Vieites Varela, Iago Arthaud Meije e Leonel Lado Silvino.

 

 

Durante o mes de xaneiro vaise solicitar un novo proxecto de mobilidades Leonardo da Vinci ao que pode optar tanto o alumnado de 1ºSMR como o do novo ciclo SMR a distancia.

► Artigo en La Voz de Galicia: El IES San Clemente amplía al ciclo medio de FP las prácticas en el extranjero

 

 

A FCT en Lisboa realízase grazas á subvención do Programa de Aprendizaxe Permanente Leonardo da Vinci.
O IES San Clemente é o responsable único do contido deste artigo. A Comisión Europea non é responsable do uso que poida facerse desta información.