Universidade de Santiago de Compostela
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Loita contra a Sida, a Universidade de Santiago organiza o mércores 4 unha xornada de reflexión profunda acerca dos 30 anos de vida do VIH, avaliando tanto a vertente científica coma o seu impacto social.
Logo dunha conferencia, ás 18.00 na Igrexa universitaria, do médico Antonio Antela terá lugar un coloquio con representantes da USC, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Lazos Compostela, Aleas-EU, Centros Quérote + e 7 Cores Compostela-PSdeG
“Teño serias dificultades para lembra-lo mundo tal como era antes da SIDA. Para min todo empezou en 1982, unha tarde, esperando o autobús. Lía o periódico, e un artigo falaba dunha misteriosa enfermidade que aparecera na comunidade gay estadounidense. Eu tiña quince anos, e pola miña mente pasou a imaxe de Sodoma e Gomorra arrasadas polo lume. A miña consciente e incipiente homosexualidade estaba por se estrear, pero a parte máis profunda (e, seguramente, poderosa) de min non dubidou por un momento que esa nova peste detectaría o meu desexo nefando e se abalanzaría sobre min. As explicacións sobre axentes infecciosos e transmisión sexual non serviron para alivia-lo meu medo: o racional manda pouco na casa dos sentimentos.
Non creo que o VIH sexa un axente divino enviado para castiga-los perversos. Si vexo que nos está condenando a todos (a todos ) a tomar conciencia do abismo que existe entre a plácida superficie das nosas expectativas e percepcións cotiás e o auténtico miolo do noso ser como persoas. De súpeto hai un indicador inflexible que non se axeita ás nosas pequenas compracencias: a epidemioloxía dinos moi claro que informar non abonda: podemos bombardear con información sobre VIH ata a derradeira gardería. Non é unha mensaxe que nos pode aforrar, colectivamente, moito tempo (aínda que, individualmente, a máis de un lle rouba moitos anos).
A arte ocúpase daqueles aspectos da natureza humana que o racional dificilmente podería expresar. A arte, pois, ocupa unha posición privilexiada para beneficiarse da desgraza desta epidemia, e da comprensión máis completa do humano que dela por emerxer.
O 23 de agosto de 1990 foi unha data sonada para min. Fun diagnosticado como portador do VIH. O meu peor temor era realidade. Cando o que máis temes xa sucedeu, o medo cambia de voltaxe. Os teus antigos temores xa non serven. Non podes temer que che leve o coche o guindastre, nin que te inspeccione Facenda. Pero o guindastre e o fisco seguen, implacables. O banal segue, pero agora velo moi diferente.”
“Et in Arcadia ego” de Guillermo Valverde
Sida: Arte e acción