Solicitude de Amparo ao Valedor do Pobo

 

Por se interesa, este é o modelo de Solicitude de amparo ao valedor do pobo que mañán sábado se fará chegar por rexistro, reclamando os nosos dereitos sobre os nosos corpos e as nosas decisións, persoais e intransferibles. Se alguén quere utilizalo, pode achegalo en persoa, mañán 22 de febreiro haberá unha concentración nos xulgados, ou ben pode achegalo por correo ordinario ou por mail:

 <valedor[arroba]valedordopobo.com> ou <rexistro[arroba]valedordopobo.com>

 

 

 

José Julio Fernández Rodríguez

Valedor do Pobo

Rúa do Hórreo, 65

15700 Santiago de Compostela

 

Dona___________________________________, con DNI:___________________ e domicilio en _____________________________________________, comparece ante o Valedor do Pobo e di:

 

ANTECEDENTES DE FEITO

O pasado 20 de decembro coñecín polas noticias de prensa que o Ministro de Xustiza presentou en Consello de Ministros un anteproxecto de lei para modificar a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Ao meu parecer o anteproxecto presentado adoece de vicios de inconstitucionalidade claros e manifestos xa que afectan fundamentalmente ao principio de igualdade e non discriminación do artigo 14 da vixente Constitución Española.

Entendo, ademais, que a aprobación do dito anteproxecto de lei supón o incumprimento por parte do Reino de España dos tratados internacionais asinados relativos a Dereitos Humanos e á non discrimiación.

Durante os últimos meses veño expresando mediante a miña presenza nas diferentes manifestacións convocadas así como a través do apoio dos escritos que as organizacións sociais teñen presentado por diferentes vías ao Goberno da Xunta a miña preocupación polas consecuencias que para a saúde e a vida das mulleres galegas tería a modificación da Lei Orgánica 2/2010.

Comprobei con preocupación como o Goberno da Xunta de Galicia negouse en reiteradas ocasións a defender o meu dereito á igualdade e os Dereitos Humanos que me asisten como muller galega por medio da solicitude da retirada de forma inmediata da proposta para modificar a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Acudo, pois, ao Valedor do Pobo e demando me ampare na protección dos dereitos democráticos que son inherentes á miña condición de muller galega. Para iso solicito a esta Institución proceda emitir o informe correspondente para que o Goberno da Xunta de Galicia esixa, de forma urxente, a retirada inmediata deste anteproxecto de lei e, caso prosperar a súa aprobación, interpoña recurso de inconstitucionalidade, por afectar e vulnerar os meus Dereitos Fundamentais y que constitucionalmente se me recoñecen.  Ademais de que a súa aprobación suporía o incumprimento flagrante dos tratados internacionais asinados polo Reino de España.

Exercendo así as facultades que a Constitución atribúe á Xunta de acordo coa Lei 1/1983, de 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia .

ALEGACIÓNS:

PRIMEIRA.- O principio de igualdade e non discriminación do artigo 14 da Constitución (CE): «Todos os españois son iguais ante a Lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social» prevé expresamente que todos os dereitos deban ser interpretados, exercidos e recoñecidos en termos de igualdade. Tendo en conta a vixencia das diferentes Declaracións e Pactos Internacionais, que se pronuncian en termos similares e tal e como impón o artigo 10.-2° «As normas relativas aos dereitos fundamentais e ás liberdades que a Constitución recoñece interpretaranse de conformidade coa Declaración Universal de Dereitos Humanos e os tratados e acordos internacionais sobre as materias ratificados por España».

SEGUNDA.- O recoñecemento explícito de que os Dereitos Humanos das mulleres son efectivamente Dereitos Humanos dáse de maneira definitiva na Conferencia de Nacións Unidas de Dereitos Humanos celebrada en Viena en 1993. En virtude do acordado nesta conferencia establécese ademais dos dereitos vinculados á igualdade e non discriminación, pola feito de ser muller, que as mulleres temos dereitos específicos relacionados coa protección da maternidade e os nosos dereitos reprodutivos.

TERCEIRA.- O aborto é un procedemento clínico requirido só por mulleres. O Comité para a Eliminación de Discriminación contra a Muller da ONU expresa que a denegación de procedementos clínicos requiridos só polas mulleres é unha forma de discriminación na súa contra. Por tanto, as leis que restrinxen o aborto poden, por si mesmas, constituír unha violación do dereito á non discriminación.

QUINTA.- O acceso a servizos de aborto legal e seguro é esencial para protexer os dereitos das mulleres á non discriminación e á igualdade efectiva. Na práctica é máis probable que sexan as mulleres, e non os homes, quen enfrontemos as maiores dificultades e desvantaxes sociais no ámbito económico e profesional. Cando se nos obriga a continuarmos con embarazos non desexados, ditas consecuencias póñennos necesariamente en situación de desvantaxe ás mulleres .

SEXTA.- O Comité de Dereitos Humanos da ONU indica que as restricións ao acceso ao aborto legal e seguro pode levar a situacións que constitúen un trato cruel, inhumano ou degradante.  Estas situacións inclúen o de forzar a unha muller embarazada a levar a termo un embarazo non desexado ou con risco para a súa saúde.

Por isto sosteño que cando o meu dereito a tomar decisións autónomas con respecto ao aborto está restrinxido, queda ameazada unha ampla gama dos Dereitos Humanos que me asisten e que polo tanto debe ser rexeitada calquera restrición que interfira indebidamente co exercicio efectivo de todos os Dereitos Humanos.

Que os gobernos deben tomar todas as medidas necesarias, tanto inmediatas como incrementais, para asegurar o meu acceso informado e voluntario a servizos de aborto legal e seguro como parte do exercicio dos meus dereitos reprodutivos e outros Dereitos Humanos.

Que as decisións sobre o aborto pertencen exclusivamente á muller embarazada, sen interferencia por parte do Estado ou terceiros.

Os servizos de aborto deben ser establecidos en conformidade cos estándares internacionais de Dereitos Humanos, incluíndo os que se refiren a servizos de saúde adecuados.

Os gobernos teñen a obriga de protexer a gama completa de Dereitos Humanos para todas as persoas, incluídas as mulleres.

 

En virtude do dito,

SUPLICO AO VALEDOR DO POBO,

Que tendo por presentado este escrito, o admita a trámite e me ampare na protección dos dereitos democráticos que son inherentes á miña condición de muller galega. Para iso solicito a esta Institución proceda emitir o informe correspondente para que o Goberno da Xunta de Galicia esixa, de forma urxente, a retirada inmediata deste anteproxecto de lei e, caso prosperar a súa aprobación, interpoña recurso de inconstitucionalidade, por afectar e vulnerar os meus Dereitos Fundamentais y que constitucionalmente se me recoñecen.

 

 

 

Santiago de Compostela 22 de febrero de 2014