Un ano máis …de loito

  • Todxs de loito na semana do 25 de Novembro para visibilizar o rexeitamento contra a violencia machista….
25N Compostela en negro

Presentación

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. No que vai de ano, 5 mulleres foron asasinadas en Galicia e 35 no resto de España. Ademais, no último ano, 3 de cada 10 mulleres, maiores de 16 anos, declaran ter sido vítimas de violencia física ou sexual. Desde o Concello de Santiago de Compostela consideramos que esta dramática realidade require dunha resposta unánime e firme de toda a sociedade, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres.

Por isto mesmo, e co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía compostelá ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, dende a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo impulsamos “25N. Compostela en negro“. Unha campaña, a través da cal propoñemos que, durante a semana do 19 ao 25 de novembro, os estabelecementos comerciais de Compostela se vistan de loito (persoal, escaparates, manequíns, mobiliario, etc) en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte.

A aqueles estabelecementos que se adhiran á campaña antes do 3 de novembro, o Concello proporcionaralles material específico. Ademais, quen teña dúbidas sobre como decorar o seu comercio ou escaparate poderá chamarnos (Tef. 698 156 272) ou escribirnos (Email: compostela25n@gmail.com) e recibirá asesoramento.