O 29 de novembro de 2018 tivemos como invitados no IES San Clemente a Marcos Dacosta Balboa (ex alumno do centro e propietario da empresa invbit) e a Fátima Rodríguez Figueiras (consultora para o emprendemento na empresa Promove Consultoría) para contarnos as súas experiencias no mundo laboral e os distintos camiños que os levaron a establecerse por conta propia.
Esta actividade levouse a cabo por iniciativa do EDLG (Plan Proxecta PIDL), dentro do programa Eduemprende Actúa, organizado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que ten por obxectivo fomentar o espírito emprendedor no sistema educativo.
Nesta liña, Fátima contounos a súa traxectoria ao longo de distintos postos de traballo (tanto na administración como por conta allea), e como as súas inquedanzas e os avatares da vida a levaron a iniciar o seu propio camiño fundando a súa propia empresa de consultoría, botando abaixo moitos dos mitos relacionados co emprendemento como as dificultades de financiamento, a necesidades de ter coñecementos de xestión empresarial e económicos, os grandes riscos que se requiren para establecerse, etc.
Pola súa parte, Marcos explicou a orixe da súa empresa, e como a súa curiosidade e ganas de aprender cousas novas o levaron case sen querer pola vía do emprendemento, e como todo o que foi aprendendo a través de todos os proxectos que foi desenvolvendo por inquedanza persoal, lle foi logo de grande utilidade na súa vida laboral.
Agradecemos a ambos as testemuñas tan interesantes que nos presentaron e a participación do alumnado de 2DAM e 2ASIR.