Breve guía da folga do 8M. O que as traballadoras e as empresas poden facer e o que non

Comunicado da Plataforma Feminista

Breve guía da folga do 8M. O que as traballadoras e as empresas poden facer e o que non

Marcos Pérez Pena @marcosperezpena

martes 26, febreiro 2019

 

O vindeiro 8 de marzo está convocada unha folga xeral de mulleres. Hai que avisar na empresa de que se vai facer folga? As traballadoras autónomas poden facer folga? E os homes, poden facela? E, independentemente diso, deben facela? Son varias as preguntas e as dúbidas que xornden nestes días previos ao 8M. Velaquí algunhas respostas, achegadas por Galegas8M e outros colectivos.

 

Todas as traballadoras poden facer folga de 24 horas, en calquera sector e empresa

 

É unha folga legal? Podo facer folga todo o día?

Absolutamente. A folga de 24 horas impulsada polo movemento feminista quedou legalizada a partir do momento en que foi rexistrada por algunha central sindical. CIG, CNT, CGT, CUT ou SLG convocaron xa un paro xeral de 24 horas en todos os sectores. Polo tanto, trátase dunha folga absolutamente legal. Mentres, CC.OO. e UGT semella que van optar finalmente por convocar paros de dúas horas (aínda que en determinados sectores, como o do ensino, a convocatoria de CC.OO. é de 24 horas), pero isto non modifica o carácter legal da convocatoria de 24 horas.

Teño que ser afiliada dalgún dos sindicatos convocantes para poder facer folga?

Absolutamente non. Ao igual que noutras folgas, o dereito pertence ás traballadoras e traballadores, independentemente de que estean afiliadas a algún sindicato ou de que o seu sindicato convoque ou non a folga ou convoque un paro parcial.

 

Ten que haber na miña empresa representación sindical dalgunha das centrais convocantes para que eu faga folga?

Claro que non. Ao tratarse dunha folga xeral, non é requisito necesario realizar unha comunicación individualizada empresa por empresa.

As traballadoras non teñen que avisar de que van facer folga e tampouco están obrigadas a responder ningunha pregunta da súa empresa neste senso

 

Teño que avisar na miña empresa de que vou facer folga?

Non. As traballadoras non teñen que avisar de que van facer folga e tampouco están obrigadas a responder ningunha pregunta da súa empresa neste senso. En determinados supostos a pregunta pode ser vulneradora do dereito de folga e, de feito, pedirlle a unha traballadora que asine un escrito manifestando a súa intención de secundar ou non a folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.

 

A empresa ten dereito a tomar represalias ou a substituír a traballadora no seu posto?

Non. “Calquera represalia suporía a nulidade da sanción ou despedimento”, destaca a CNT, que sinala que “o despedimento será nulo, pero para acreditalo haberá que probar a motivación do mesmo no exercicio do dereito de folga”. Esta central recomenda “non asinar nada” pois “asinar un finiquito implica renuncia a accións”. Así mesmo, suxire acudir inmediatamente a un sindicato “porque os prazos son breves”. As empresas tampouco poden substituír ese día a traballadora no seu posto, nin a través de persoal externo, nin trasladado dende outras seccións nin a través da automatización das súas funcións.

 

As empresas non poden substituír ese día a traballadora no seu posto, nin a través de persoal externo, nin trasladado dende outras seccións nin a través da automatización das súas funcións

 

Que consecuencias ten o exercicio da folga no salario e na cotización á Seguridade Social?

O día non traballado loxicamente non se cobra e tampouco se cotiza, descontándose igualmente a parte proporcional das gratificacións extraordinarias. Iso si, non implica a redución do período de vacacións nin o descanso semanal.

 

Se se asina un papel na empresa dicindo que non se vai facer folga, pódese mudar de opinión?

“Aínda que o asinases con sangue”, destacan denden Galegas8M. O dereito á folga é un dereito irrenunciable e exércese no momento en que a folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque vulnera un dereito fundamental.

 

É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de folga me ateña ás consecuencias?

Si. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso con testemuñas, pódese comunicar a un sindicato para presentar a correspondente denuncia.

 

Manifestación en Vigo, o pasado ano CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

É obrigatorio cumprir cos servizos mínimos?

Si. Non ir traballar cando es designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.

É obrigatorio cumprir cos servizos mínimos, pero só determinados sectores (sanidade, transportes…) poden fixalos

Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?

Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos “servizos esenciais para a comunidade” (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos…) durante a folga, polo que é a Autoridade Laboral a que establece en que empresas e administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes “servizos esenciais para a comunidade” só poden impor “servizos de mantemento”, destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.

Teñen dereito a folga as traballadoras autónomas? E as falsas autónomas?

A folga está convocada legalmente para as traballadoras asalariadas, o que non queren dicir que as autónomas non poidan parar ese día. A situación das falsas autónomas (coma noutras cuestións) é máis complicada; a realidade é que como autónoma non ten ese dereito, de xeito que se fai folga e a empresa toma represalias contra ela, despedíndoa, tería que probar nun xuízo a súa condición de falsa autónoma.

 

As autónomas poden parar ese día (aínda que a folga está convocada para as traballadoras asalariadas). As falsas autónomas atópanse nunha situación máis complicada

 

Teñen dereito a folga as traballadoras en período de proba e bolseiras?

Si, durante o período de proba téñense os mesmos dereitos que calquera traballador contratado.

 

Teñen dereito a folga as traballadoras dunha cooperativa de traballo asociado?

Non. Neste punto a CNT denuncia que o Estado español está a incumprir o Convenio da OIT.

 

Teñen dereito a folga as empregadas do fogar?

Si. O RD 1620/2011 que regula a relación laboral de carácter especial do servizo do fogar familiar destaca no seu artigo 7 que “O traballador terá os dereitos e deberes laborais nos artigos 4 e 5 do Estatuto dos Traballadores” (o artigo 4 inclúe o dereito á folga). En todo caso, os sindicatos lembran que a protección xurídica para as empregadas do fogar é moi reducida e téñense dado sentenzas favorables e desfavorables nos últimos anos en caso de despedimento. O movemento feminista animou así mesmo ás traballadoras do fogar que por un ou outro motivo non poidan facer folga a colgar os seus mandís das fiestras para amosar o seu apoio ao paro.

 

Poden os homes facer folga?

Poden, a folga está convocada de forma xeral. Con todo, o movemento feminista desaconsella en xeral que os homes se sumen a unha convocatoria que non foi dirixida a eles, como podemos ler na web de galegas8m.

 

O movemento feminista desaconsella que os homes se sumen á folga. Pero ese día (e os restantes 364) poden ocuparse das tarefas de coidados e axudar a que as mulleres se unan aos paros

 

Que poden facer os homes para apoiar a folga?

No caso de sumarse á folga, a única razón debería ser ocuparse das tarefas de coidados (sobre todo de dependentes) que habitualmente realizan as mulleres. Tamén poden axudar a garantir que as mulleres que desexen facer folga poidan facela (por exemplo, ocupándose dos servizos mínimos impostos no seu sector). Igualmente, poden facer unha achega económica a un peto de resistencia no traballo para axudar ás compañeiras que vaian á folga.

 

En xeral, o mellor que poden facer os homes ese día (e o resto do ano) é non querer ser tan protagonistas. O pasado ano publicamos esta guía con recomendacións sobre o que os homes podían facer para apoiar a folga do 8M.

 

CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo