Entrevista no CEIP de Viñagrande-Deiro

O 24 de xaneiro de 2019, os profesores Juan Morillo e Alexandre Dapena e os alumnos de DAWm Francisco González e Pablo Rodríguez, entrevistáronse con Javier García, director do CEIP de Viñagrande-Deiro.

O centro do Salnés é socio do IES San Clemente no Plan Proxecta PIDL do EDLG e nos Premios FP Innova. A colaboración ten como finalizade a creación dun website que permita publicar contidos de prensa escrita, radio e vídeo, producidos polo alumnado de Primaria.

 

Reunión inicial e definición de requisitos

O obxectivo deste proxecto, desenvolvido por alumnado de 1DAW e DAWm, é conseguir centralizar o traballo de publicación dos contidos mencionados nunha soa interface web, evitando ter que acceder a varias plataformas (Facebook, Twitter e Camaleo entre outras), e a súa difusión, xa que todos os contidos estarán accesibles nun único portal.

A ferramenta que se pretende desenvolver estará formada por dous compoñentes: unha páxina web con catro seccións (redes sociais, informativos, xornal e radio) e unha interface que permita inserir os contidos (textos, audios, vídeos e imaxes) e automaticamente publicalos na sección que corresponda.

Esta reunión permitiu aos asistentes coñecer in situ o traballo realizado no CEIP e definir os requisitos da aplicación web que van crear durante o resto do ano lectivo.