Ao longo do curso realizáronse distintas actividades de sensibilización sobre a situación da muller na actualidade, enmarcadas dentro do contexto do Plan Proxecta “Por 365 días de respecto e igualdade”. Entre estas actividades destacan as seguintes:
- Organización de tres conferencias (sobre violencia de xénero nos medios, prevención da violencia de xénero e trata con fins de explotación sexual) e un espectáculo teatral.
- Promoción das campañas de sensibilización “Más mujeres informáticas” do CPETIG e AMTEGA, e “Compostela en negro”.
- Organización de dous certames: un de fotografía e outro de carteis polo 25N.
- Exposicións: micromachismos, hashtags contra a violencia de xénero, e mulleres pioneiras no eido da tecnoloxía.
- Elaboración de micro vídeos sobre a situación das mulleres no ámbito da informática, e presentacións sobre mulleres deportistas galegas, realizados polo alumnado de informática.
- Inauguración dunha nova sección de “Igualdade de xénero e diversidade” na Biblioteca do centro.
Balance das actividades:
A maior parte das actividades programadas foron desenvolvidas, xa que a programación das mesmas levouse a cabo tendo en conta que o 11 de marzo de 2020 o alumnado de 2º curso, iniciaba os exames tralos cales estaba previsto que comezaran o período de prácticas fora do centro.
Consideramos que na meirande parte das actividades o alumnado presencial implicouse moi activamente tanto debatendo nas conferencias, coma aportando os seus propios micromachismos e hashtags contra a violencia, elaborando vídeos, presentacións e carteis. Entendemos que a súa participación tan activa deixa unha forte pegada a nivel individual e axuda a espertar actitudes de respecto e igualdade, así coma unha maior conciencia da situación actual das mulleres.
Agradecemos o asesoramento de Guillermina Domínguez en canto á inclusión de contidos no blog e o contacto para a charla impartida por Irimia Muelas e Jessica Moreira. Igualmente queremos agradecer a participación activa dos alumnos de 1SMR en todas as actividades, así como a todo o profesorado que cedeu horas lectivas que lles correspondían para permitir a asistencia do seu alumnado ás distintas conferencias e espectáculo teatral. Por último, agradecer ao PAS do centro na súa forte implicación na promoción das distintas actividades levadas a cabo.
Propostas de mellora para o vindeiro curso:
1. Promover o uso da nova sección de “Igualdade de xénero e diversidade” da biblioteca, a través da publicación de pequenos artigos sobre os distintos libros, en forma de recomendacións persoais por parte do alumnado, profesorado e PAS.
2. Achegarnos máis ao alumnado non presencial, a través da publicación de maior cantidade de novas, contidos audiovisuais e artigos máis encamiñados á sensibilización e concienciación sobre a igualdade de xénero, facendo reflexionar sobre pequenos aspectos do día a día.
3. Estreitar os lazos coas mestras e mestres dos Obradoiros da ESA dos distintos concellos, para a promoción das distintas actividades entre o seu alumnado.
4. Avaliar a opción de facer extensivo a outros centros o Certame de Fotografía “Mulleres na Sombra”, a través de Aulas Galegas ou do EDLG.