Neste ano de 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Un grupo de persoas da sociedade civil, autodenominado ALENTO ESBRAVEXO, está a levar adiante unha homenaxe on-line publicando diariamente no seu blog unha colaboración: arte, artesanía, poesía, relato, investigación… a prol de fortalecer e recuperar a memoria cultural galega a través da figura de Isaac e da súa obra.
O Laboratorio de Formas foi fundado na Arxentina por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane alá polo 1963. Xurde da confluencia de emigración e exilio como un gran proxecto dinamizador do proceso de reconstrución da identidade galega no cal, entre outros moitos logros, destaca a recuperación da antiga fábrica de Sargadelos. O dito Laboratorio podería enmarcarse no movemento da Bauhaus (“A forma débese á función”, nado no 1919 na Alemaña e pechado polos nazis no 1933).
Nesta comunicación intento reflectir unha serie de impresións da presenza engaiolante das “formas” nas figuras cerámicas elaboradas e do seu poder evocador e contextualizante. Andar sempre á procura da beleza, mesmo cando nos mergullamos nos rigores e nas abstraccións da Ciencia; á procura da beleza das formas que teñen alma e das almas que, coma a de Isaac, dan forma ao soño, á esperanza, á nostalxia, á voz, ao grito… á canción.
Na natureza, e máis aínda nas construcións humanas, encontramos facilmente analoxías, por veces mesmo abraiantes, con multitude de conceptos matemáticos, de por si teóricos e abstractos. Foi dende esa perspectiva que hai un par de anos no IES San Clemente de Santiago de Compostela adherímonos ao Proxecto Internacional enREDadas para a “VII Semana de Educación Artística”, promovida pola UNESCO. Desenvolvemos unha exposición fotográfica comentada que levaba o título de “A harmonía matemática das formas“, onde pretendíamos suscitar acompañamentos emocionais que transcendesen a percepción visual, de por si suxestiva e aliciante. Dalgunha maneira, poderíamos encontrar un gran paralelismo coas recreacións que as cerámicas de Sargadelos fan de diversos temas, cultural e historicamente relevantes.
Vexamos, por exemplo, a representación que se fai da corna (bigornia) coa que as peixeiras anunciaban a súa chegada por lugares e aldeas da contorna, levando os cestos de peixe fresco na testa. Captar a xeometría elíptica dominante e suavizar as arestas para evocar definitivamente o mar, as oscilantes ondas azuis que nos transportan: unha “forma” directamente inspirada na natureza.
Sen deixar o tema mariño lembremos a figura cerámica da “ardentía”, esa luminosa reverberación, esa fosforescencia crepuscular que emiten microalgas bioluminiscentes ás que seguen na escuridade as mandas de peixe na procura de mantenza, delatando a súa presenza nos caladoiros oceánicos, sinalando ás tripulacións mariñeiras onde convén largar as redes e converténdose así, os peixes, en mantenza humana. A complexidade da escena representada esixe un esforzo de abstracción significativo, deseñando virtualmente un pentágono -enigmático emblema pitagórico- que enmarca o acontecemento relatado.
Xa de volta a terra firme repararemos no ímpeto que transmite a figura do galo:
“Flamexante viña
após noite tan longa
traernos o día”.
A xeometría dominante é agora inambigua: unha amálgama de círculos e arcos de círculo (máis estritamente, circunferencias) constrúe e vigoriza o espertar, a alborada á que non poderemos subtraernos.
Unha escena máis complexa, pero resolta cunha sinxeleza abraiante é a maternidade, neste caso animal, representada na “vaca
e o tenreiro” no intre do aleitamento. Esencialmente, un trapecio enmarca o suceso e gaña
emotividade na utilización de formas cónicas ben definidas (circunferencia, parábola, hipérbole) que contribúen decisivamente a transmitir sosego e agarimo.
A ”voluta“, emerxente, suscita un tema de xeometría fractal: esas formas que semellan medrar sobre si mesmas nunha harmonía de beleza sedutora, autorreproducíndose nunha expansión de liñas e filigranas cada vez de menor extensión, creando unha fantasía esvaecinte.
E se de autorreprodución falamos, acabaremos por encontrármonos co “ourobouro”: unha creación mitolóxica, representación do eterno retorno, do carácter cíclico da natureza. O elemento xeométrico dominante nesta porcelana é obvio: o círculo, como o foi sempre nas diversas representacións deste mito en diferentes civilizacións, mesmo fosen serpes ou dragóns os que comían a súa propia rabeira. Versionalo cun peixe semella un intento de achegar a narración do mito (humanizado en Sísifo) á socioloxía desta Galiza atlántica e remota que navega eternamente nos mares planetarios.
Con estes exemplos poderemos albiscar ese aquel incesante, transversal, subxacente como cerna na obra incitada por Isaac; un aquel que recende a memoria, a recuperación, a loita contra o esquecemento: ese agoiro que a historia mitíca remonta ao ano 138 a.n.e. cando o xeneral romano Décimo Xunio Bruto ao mando das súas lexións cruzou o río Limia, o noso Lethes ou Flumen Oblivionis (traspasándoo, entrábase nun mundo ignoto e sen retorno… porque xa nada do propio pasado se lembraría).
“…/ foron tantas as saudades enxugadas/ que quixéramos crear un novo río.”