O coñecemento de idiomas representa un valor engadido a calquera mérito académico para o noso futuro laboral. Co apoio da dirección do centro, os membros do equipo de Seccións Bilingües e PluriFP do IES San Clemente queremos unha maior presenza da lingua inglesa nos ciclos formativos que impartimos no San Clemente. O noso reto para os vindeiros cursos consiste en impartir contidos de lingua estranxeira en todos os ciclos.
Neste curso académico producíuse a adaptación da actividade ás condicións impostas pola Covid-19. O ensino do Inglés reforzóuse nesta pandemia. Agradecemos o esforzo do alumnado co sistema semipresencial rotatorio mantido durante todo o ano escolar.
Actividades realizadas ó longo do curso escolar 2020/21:
Seccións Bilingües en INGLÉS no curso 2020/21:
Módulos impartidos en inglés e galego nas «Seccións Bilingües en Inglés»:
- Servizos de rede e Internet (Ciclo Superior de ASIR en réxime Ordinario) co profesor Bruno Vila.
- Deseño de Interfaces Web (Ciclo Superior de DAW en réxime Ordinario) coa profesora Cristina París.
Novos Ciclos Plurilingües en INGLÉS no curso 2020/21:
2º DAM remata a participación no programa plurilingüe en Inglés que comezara por vez primeira no ano 2019.
1º DAM remata o primeiro curso do programa no ciclo plurilingüe en Inglés.
Os cursos contaron con dúas sesións semanais de reforzo na lingua inglesa co noso profesorado de Inglés e mailo apoio do AdC, Jason Lee Schaefer na aula.
Participaron xunto cun instituto francés, un portugués e un checo no proxecto Etwinning: Pek, the lazy Flea, da man dos profesores José María Bey Otero e Eva Pereira Loira co apoio na aula de Jason Lee Schaefer. No último trimeste desenvolveron unha suxestiva e divertida páxina web que vos animamos a visitar. Estamos moi orgullosos do seu traballo. Parabéns!!!
Clases de lingua estranxeira
Foron impartidas polos membros do Departamento de Inglés:
Profesor Ismael Alonso Lorenzo
Profesora Raquel Rodríguez Blanco
Auxiliar de Conversa Jason Lee Schaefer
Os grupos de alumnado dos cursos referidos a continuación tiveron unha hora de clase de inglés semanal integrada no seu horario lectivo agás os Ciclos Plurilingües 1º e 2º DAM que contaron con dúas horas.
- Segundo curso de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, réxime ordinario.
- Primeiro curso de Desenvolvemento de Aplicacións Web, réxime ordinario.
- Segundo curso de Desenvolvemento de Aplicacións Web, réxime ordinario.
Por mor do Covid-19 os Ciclos Plurilingües de 1º e 2º DAM non foron convocadas as probas de certificación de Inglés pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade dentro do marco dos programa de Plurilingüismo neste curso. Con todo, o noso alumnado de ciclos puido inscribirse nas probas de certificación de B1, B2 ou C1 na EOI ou no Centro Británico co apoio económico do IES San Clemente.
En 1º DAM, dous alumnos fixeron a matrícula para os exames de B1 e B2 respectivamente e un terceiro inscribéuse no C1 no Centro Británico. En 2º DAM, dous alumnos matriculáronse para os exames do B1 e B2 e un terceiro para o C1. En 2º ASIR tres no B2. En 1º DAW un no C1 e dous no B2 e 2º DAW dous no C1. Agardamos que teñan os mellores resultados! Desexámoslle moita sorte ao alumnado nas probas! Vaia por diante a nosa felicitación para todos eles por intentalo, sexan os que for, os seus resultados. Parabéns!! Se non o conseguides neste curso, o conseguiredes no próximo!! Estamos ben seguros diso!!
Xa que logo, animamos ao alumnado dos ciclos Plurilingües e dos ciclos coas Seccións Bilingües a seguir preparando as probas de certificación de Inglés asistindo, sen falta, ás clases de Inglés durante o curso.
Conscientes da importancia da acreditación en Linguas Estranxeiras do alumnado de ciclos para acadar un mellor futuro profesional, o profesorado de Inglés terá como obxectivo número 1 nas clases de Inglés preparar a alumnado para as probas de certificación no idioma. Queremos que, cando o alumno acabe o ciclo formativo, leve tamén consigo a certificación en Inglés. Este é e vai seguir sendo o noso reto para os vindeiros cursos e agardamos que nos axudedes a conseguilo.
Auxiliar de Conversa
Contamos coa colaboración do AdC, Jason Lee Schaefer, dos Estados Unidos por segundo ano consecutivo.
Como puidéchedes ler na súa última publicación na web do San Clemente, a súa experiencia neste segundo ano con nós foi máis que boa e satisfactoria. O noso auxiliar colaborou activamente en múltiples actividades no centro tales como: proxectos europeos (eTwinning e Erasmus+), clases de conversa, revisión de materiais didácticos para o profesorado, tradución de documentos de centro e publicación de artigos na web do centro. Non sabemos se poderá repetir outro ano máis no San Clemente pero, sexa como for, desexámoslle o mellor e estaremos en contacto.
Programas Europeos e realización de prácticas no estranxeiro
O IES San Clemente participa en proxectos europeos a través dos programas eTwinning e Erasmus+.
O programa eTwinning permite a realización de proxectos nos que participa alumnado de centros de secundaria de distintos países da Unión Europea. Moitas veces a lingua utilizada é o inglés.
Grazas á participación no programa Erasmus+, os alumnos poden realizar prácticas curriculares e extra curriculares noutros países da Unión Europea. Despois do parón que supuxo a pandemia no curso pasado, este curso o noso alumnado volve a ter a oportunidade de realizar a fase de prácticas en países tales como Irlanda e Reino Unido, o que lles permitirá non só coñecer como se vive e se traballa noutro país senón tamén mellorar o seu dominio da lingua inglesa.