Obxectivos
A presenza do IES San Clemente en proxectos europeos comeza ininterrompidamente desde o ano 2009, con mobilidades Erasmus de ciclos superiores, ata o día de hoxe, onde ten concedida acreditación ECHE (para institucións de ensino superior) até o ano 2027. Neste tempo, centos de alumnos e alumnas do centro poideron realizar mobilidades en países como Portugal, Irlanda, etc
A realización destes proxectos é grazas á adicación dun grupo de persoas do centro: o Equipo de Proxectos Europeos. Durante este tempo o equipo realizou un arduo traballo tendo na mente unha serie de obxectivos que lle serviu de estímulo e reconforto:
- Certificar tanto ao alumnado como ao profesorado na realización dun proxecto europeo (mobilidades Erasmus+, Job Shadowing, intercambios con outros centros europeos, etc).
- Acadar a certificación do propio centro educativo. Neste caso é interesante destacar que o IES San Clemente é das poucas institucións a nivel nacional que teñan a acreditación Erasmus+ de Formación Profesional.
- Chegar a práctica totalidade do alumnado matriculado en ciclos PluriFP.
Linguas estranxeiras
A linguas estranxeiras teñen un lugar destacado dentro da formación nos ciclos formativos que está a impartir o IES San Clemente.
Neste sentido, desde o ano 2008 o centro conta con seccións bilingües, co obxectivo de mellorar o desenvolvemento persoal e profesional do alumnado, adquirindo vocabulario técnico e preparándoo para a realización da formación en centros de traballo no estranxeiro e para o futuro laboral.
Ademais, desde 2018 o centro imparte ciclos plurilingües, no marco do programa Estrela PluriFP da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Nese ano comezou co ciclo medio plurilingüe Sistemas Microinformáticos e Redes en portugués, no ano seguinte o ciclo superior plurilingüe Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma en inglés e no 2021 os ciclos de grado superior en Desenvolvemento de Aplicacións Web (inglés) e Administración de Sistemas Informáticos en Rede (portugués).
No caso dos ciclos PluriFP, o alumnado conta cun módulo específico de lingua estranxeira coa finalidade, entre outros obxectivos, de preparalos para a obtención dunha certificación oficial a través dunha entidade externa, deste xeito, todos teñen a oportunidade de certificar oficialmente o seu nivel.
A importancia da lingua portuguesa neste sentido é clara, xa que case todas as mobilidades que se realizan son a Portugal, así como as certificacións de nivel realizadas a través do Centro de Avaliação e certifição de Português Língua Estrangeira da Universidade de Lisboa.
Erasmus+
Erasmus+ é o programa da Unión Europea que ofrece oportunidades para todas as persoas, en todos os seus ámbitos e sectores educativos.
Ten como obxectivo promocionar a mobilidade educativa das persoas e os colectivos, tanto do alumnado como do persoal, así como a cooperación, a calidade, a inclusión e a equidade, a excelencia, a creatividade e a innovación a nivel das organizacións e as políticas a través da aprendizaxe permanente, o desenvolvemento educativo, profesional e persoal das persoas nos ámbitos da educación e a formación, a mocidade e o deporte, dentro de Europa e fóra do seu territorio, contribuíndo así ao crecemento sostible, ao emprego de calidade e á cohesión social, ademais da impulsar a innovación e fortalecer a identidade europea, a cidadanía activa e a participación na vida democrática.
O IES San Clemente ten concedida as acreditacións Erasmus ECHE, para ensinazas superiores, así como Erasmus VET, para as ensinanzas de formación profesional, no período 2021-2027.
Recoñecemento
Dentro deste ámbito, Erasmus+, o IES San Clemente vén de recibir o pasado 13 de decembro o galardón do Ministerio de Universidades, a través do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), no que se recoñece a nivel nacional o compromiso e o esforzo do centro cos programas europeos co obxectivo de que o alumnado poida participar neles.
Desde o IES San Clemente queremos darlle as grazas a todos os membros do Equipo de Proxectos Europeos xa que este recoñecemento non sería posible sen o seu inestimable traballo e adicación. Moitos parabéns Equipo!