O IES San Clemente de Santiago de Compostela e o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, gañadores dun dos premios de innovación na FP da Consellería de Cultura, Educación e Universidade polo proxecto “Plataforma de retos de ciberseguridade. A gamificación no proceso de adquisición de competencias no ámbito da ciberseguridade”, poñen en marcha un reto CTF (Capture The Flag) sobre ciberseguridade co gallo do día das letras Galegas e o día de Internet, que se celebran o dezasete de maio.
Neste reto, centrado na vulnerabilidade crítica CVE-2021-44228 descuberta en decembro de 2021, o alumnado asume o papel de analista do SOC (Security Operation Center) e analizando o tráfico de rede ten que descubrir os pasos seguidos por un adversario para explotar a vulnerabilidade e asumir o control total do equipo vítima. Esta vulnerabilidade, tamén coñecida como Log4shell, foi un terremoto no mundo da ciberseguridade pola sua gravidade, facilidade de explotación e o gran número de equipos afectados.
A través da gamificación da aprendizaxe que proporcionan os retos CTF, o alumnado adquirirá novos skills demandados no sector da ciberseguridade e afondará en contidos e destrezas traballadas na clase; todo isto enfrontándose e resolvendo situacións semellantes ás que se viven nun ciberincidente real, como pode ser un APT (Advanced Persistent Threat), unha campaña de phishing, un incidente por ransomware, unha exfiltración de documentos ou unha análise de penetración simulando un atacante. Para que a experiencia do xogo sexa o mais realista posible; un grupo de expertos en ciberseguridade galegos, de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, proporciona asesoramento ó profesorado que desenvolve os retos, para facer que estes teñan presente as ameazas máis importantes do momento, lográndose que o alumnado se enfronte a situacións semellantes ás que viven eles no seu día a día.
Este é o primeiro dos retos CTF sobre ciberseguridade que se porán en marcha ó longo do ano, e poderán participar neles tanto o alumnado do Curso de Especialización en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información, que se imparte en ambos centros, coma o alumnado de ciclos da familia de informática e comunicacións. Ademais, se invitará a participar ó alumnado do Curso de Especialización en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación que se imparte no CIFP Politécnico de Santiago e no CIFP Politécnico de Lugo.