Job Shadowing primavera 2022

O profesorado do IES San Clemente puido vivir algunhas experiencias no estranxeiro durante esta primavera en virtude do programa Erasmus+.

A nosa auxiliar de conversa de portugués, Beth Oliveira, viaxou a Lisboa para visitar a dous grandes colaboradores nosos nesta cidade: a empresa Teleperformance, que leva anos recibindo alumnado en prácticas e o instituto INETE, co que temos establecida unha moi fructífera colaboración.

O profesor José María Bey visitou o Coláiste Dhúlaigh College of Further Education (CDCFE), centro de estudos superiores na cidade de Dublín que sempre recibe magníficamente ao noso alumnado en prácticas. Ademais visitou aos 4 alumnos en prácticas nesta cidade, dous deles no CDCFE, un no Learnovate Centre e outro en Freistil. Así puido observar as últimas tecnoloxías aplicadas á educación no CDCFE e tamén coñecer persoalmente aos nosos colaboradores nesta cidade.

A profesora Sabela Sobrino puido finalmente realizar o Job Shadowing que tivera que cancelarse no 2020 por mor da pandemia. Nesta ocasión viaxou ata Gotemburgo, en Suecia, e coñeceu de primeira man á empresa Gompute, especializada en Cloud Computing, na que esperamos organizar prácticas Erasmus+ para o próximo curso.

O profesor Juan Antonio Gestal viaxou até Leipzig (Alemaña) á sede que ten nesta cidade a empresa Software One, participante na FP dual 2021/2023 do noso instituto. Trátase dunha empresa que busca incorporar talento programador titorizando aos novos empregados con programadores senior. Vanse animar a recibir alumnado en prácticas do IES San Clemente.

 

Estas visitas buscan, por un lado actualizar e enriquecer o coñecemento do noso profesorado e, por outro lado reforzar a colaboración existente e establecer novos proxectos futuros que lles permitirán ao noso alumnado vivir experiencias únicas traballando nun país europeo.