Matrícula no bacharelato para persoas adultas a distancia

INSTRUCIÓNS CURSO 2022/2023

Prazo de matriculación

Do 1 de setembro ao 20 de setembro de 2021, ambos incluídos.

O alumnado que remate estudos de educación secundaria para persoas adultas no mes de febreiro poderá realizar a matrícula do 15 ao 28 dese mesmo mes.

Ata o 28 de abril de 2023, sempre que o alumno ou alumna xustifique circunstancias excepcionais, debendo solicitalo por escrito á dirección do IES San Clemente.

Nota importante: o calendario de exames e titorías estará á disposición dos alumnos e alumnas nas aulas virtuais do IES San Clemente a partir do 8 de setembro; tamén será publicado na páxina web https://www.iessanclemente.net/, que deberá ser consultada continuamente polo alumnado ao longo do curso como medio de comunicación oficial do centro.

Lugares de matrícula

A matrícula de Bacharelato a distancia pódese realizar:

· De xeito preferente vía web, na páxina https://matricula.iessanclemente.net, achegando a continuación por correo a documentación necesaria ao IES San Clemente para a súa formalización.

Poderanse recoller tamén matrículas de xeito presencial nos seguintes lugares:

· Na secretaría do IES San Clemente de Santiago de Compostela, rúa San Clemente s/n., 15705, Santiago de Compostela Tlf. 881 86 75 01 https://www.iessanclemente.net/ https://goo.gl/8E73yL

· Nas distintas EPA de:

o A Coruña: Centro EPA “Eduardo Pondal”, rúa Pepín Rivero s/n, CP 15011, teléfono 881 96 09 01.

o Ferrol: Centro EPA “Sta. María de Caranza”, rúa Luís de Requeséns, s/n, CP 15406, teléfono 881 93 83 17.

o Lugo: Centro EPA “Albeiros”, Parque da Milagrosa s/n, CP 27003, teléfono 982 82 81 06.

o Ourense: Centro EPA, rúa Álvarez de Soutomaior, 4, CP 32002, teléfono 988 24 38 34.

o Pontevedra: Centro EPA “Río Lérez”, Avda. De Buenos Aires nº26, CP 36002, teléfono 886 15 94 21.

o Vigo: Centro EPA “Berbés”, rúa Marqués de Valterra nº8, CP 36202, teléfono 886 11 09 76.

o Burela: no IES “Monte Castelo”, rúa Os Matos, 27880, Burela, Lugo, teléfono 982 82 82 41.

· Por correo certificado, recollendo o sobre de matrícula en calquera dos centros EPA, introducir nel toda a documentación que se relaciona no mesmo sobre de matrícula, e enviándoo ao seguinte enderezo:

IES San Clemente (Matrícula Bacharelato)

r/ San Clemente s/n.

Santiago de Compostela

15705 A Coruña

Requisitos para o acceso:

· Idade: poderá matricularse calquera persoa maior de dezaoito anos ou que os cumpra antes do 31 de decembro de 2022, e aquelas persoas maiores de dezaseis anos que acrediten documentalmente causas excepcionais (traballo, saúde, deportistas de alto nivel, estudantes de música e danza) que lles impidan asistir a un centro presencial.

· Académicos para 1º de Bacharelato:

ü Título de Graduado en Secundaria Obrigatoria.

ü Título de Técnico correspondente á Formación Profesional específica de grao medio, Técnico Auxiliar de Formación Profesional de Primeiro Grao ou Técnico deportivo, tras cursar as ensinanzas deportivas de grao medio.

ü Ter aprobado 2º de BUP ou como máximo dúas materias pendentes no conxunto dos dous cursos.

ü Ter superados os estudos do Primeiro ciclo do Programa Experimental de Reforma das Ensinanzas Medias (REM).

ü Ter superados os cursos comúns de estudos de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos.

· Académicos para acceso directo a 2º de Bacharelato:

ü Ter superado 3º de BUP e título de bacharel. O alumnado nestas condicións pode matricularse en calquera modalidade de Bacharelato.

ü Ter superado 2º curso de Formación Profesional de 2º grao (réxime xeral), ou 3º curso de Formación Profesional de 2º grao (réxime de ensinanzas especializadas).

ü Ter superado 1º curso dunha modalidade de Bacharelato experimental.

ü Ter superado a segunda especialidade ou título de Graduado en Artes aplicadas e Oficios Artísticos.

Circunstancias especiais de matriculación

· O alumnado que se incorpore ao bacharelato para persoas adultas con materias superadas do bacharelato ordinario conservará a cualificación positiva destas.

· O alumnado maior de 25 anos, ou que os cumpra no curso escolar 2022-2023, poderá solicitar ante a dirección do centro a exención da materia de Educación física.

· O alumnado que acceda ao bacharelato desde os ciclos formativos de grao medio de Formación Profesional específica ou de Artes aplicadas e Deseño poderá validar as materias de Bacharelato, de acordo co establecido na lexislación vixente.

· Se un alumno ou alumna se matricula de dúas materias de contidos progresivos, non poderá ser avaliado da de 2º sen ter superada, previamente, a de 1º.

· O alumnado de 2º de bacharelato na modalide de Humanidades e Ciencias Sociais deberá escoller obrigatoriamente “Historia da Filosofía” como materia de opción, excepto cando xa estivera matriculado do 2º nos cursos 2015-16, 2016-17 ou 2017-18 e teña superada unha ou as dúas materias de opción.

Novidades matriculación curso 22/23

a) Matriculación nas materias de 1º Bacharelato (LOMLOE): A materia de Relixión I é opcional e, polo tanto, non computa para a nota media a efectos de acceso a outros estudos, nin nas convocatorias para a obtención de bolsas e axudas ao estudo, nin para a obtención da mención de matrícula de honra.

b) Neste curso 22/23 non haberá docencia das materias LOMCE de 1º Bacharelato, pero o alumnado terá acceso aos materiais didácticos do curso pasado a través das aulas virtuais e poderá examinarse das materias referidas.

Aula virtual

O alumnado matriculado nestas ensinanzas debe darse de alta na Aula Virtual que hai na páxina web do IES San Clemente, coa finalidade de seguir o proceso de aprendizaxe a través das guías electrónicas e como medio de comunicación co profesorado. Os pasos a seguir son os seguintes:

1. Entrar en https://www.iessanclemente.net/

2. Pulsar en [Rexistro]

3. Poñer o número do DNI coa letra, sen guión e sen espazos, e a data de nacemento co formato dd/mm/aaaa. Por exemplo “28/06/1978”.

4. Pulsar aceptar e cumprimentar todos os datos que se solicitan. A clave deberá ter entre 5 e 10 letras.

5. A partir de agora poderá entrar na páxina principal poñendo como usuario o número do DNI e como contrasinal a clave que puxo anteriormente (no punto 4).