Queridos alumnos e alumnas, compañeiros e compañeiras,
Gaza leva máis dun mes sendo atacada indiscriminadamente e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente entende que non debe permanecer alleo á barbarie, aínda que para isto só poida recomendar uns cantos libros que informen en condicións sobre a ocupación do territorio palestino por parte do estado israelí, esa iniciada co sionismo xa a finais do século XIX e que, como estamos a ver, nada ten de conciliadora.
Poucas obras hai sobre este conflito na nosa lingua, polo menos das que esta humilde coordinadora teña constancia. Mais, entre todas elas, destaca unha estupenda crónica xornalística, a de Miguel Anxo Murado en “Fin de século en Palestina”, publicada por Editorial Galaxia no ano 2008. Un libro moi recomendable que oxalá algún ou algunha de vós se anime a ler, se é que aínda non o fixo.
Paga a pena tamén unha novela gráfica chamada “Palestina”, creada polo debuxante Joe Sacco en 1993 e publicada posteriormente en galego por Rinoceronte editora, pero por desgraza, e para a miña sorpresa, na actualidade está descatalogada e só quedan algúns exemplares na bendita rede de bibliotecas de Galicia. Quizais facendo uso da mesma poidades dar con un.
E, por último, mencionar a única publicación en galego da Fundación Araguaney: “¡Po! Diario dunha viaxe a Palestina”, crónica escrita en 2002 polo finado Emilio Alonso, que por aquel entón era colaborador asiduo da mesma.
Agora ben, como a situación é o suficientemente grave, e resulta crucial estar informados e informadas máis alá do que alumean os focos, imos facer unha excepción e mencionar algunhas publicacións sobre este mesmo tema en castelán.
Neste sentido, a librería La central, con sedes en Madrid e Barcelona, compartiu xa hai algún tempo no blog da súa web unha entrada cunha chea de libros que complementan a visión desta crise. Na seguinte ligazón poderedes consultar esta listaxe e incluso ler a sinopse de todos eles:
Librería La central_ Lecturas para entender el conflicto Palestina-Israel
Mais, persoalmente, gustaríame destacar catro destas lecturas, dúas novelas (que en verdade son catro) e dous ensaios que clarifican a realidade que vén vivindo este pobo dende hai máis tempo que o que calquera outro podería aguantar.
Espero de verdade que chame a vosa atención algunha destas propostas. Tanto como para mergullarse nas súas páxinas, tristemente enchoupadas dunha realidade cruenta, e por riba de todo, tremendamente inxusta.
Unha aperta.