9º CERTAME DE MICROVÍDEOS

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca o 9º CERTAME DE MICROVÍDEOS,

cuxas BASES, DE OBRIGADO CUMPRIMENTO, son as seguintes:

  • Poderán participar todos os membros da comunidade educativa (alumnado, profesorado e PAS), ben sexa de forma individual ou grupal.
  • De temática libre, o microvídeo deberá ser orixinal e inédito. En vez de secuencias de imaxes fixas, empregarase vídeo real, e as gravacións deben ser propias.
  • Obviamente, o audio, narración, textos e outros contidos que poidan ser empregados no mesmo deben estar integramente en galego. No caso de utilizar música, esta debe ter licenza Creative Commons ou o permiso dos autores ou autoras, e mostrar o título/autoría/website na pantalla final.
  • A duración máxima do microvídeo será dun minuto e medio, non habendo duración mínima.
  • Os microvídeos deberán enviarse por correo electrónico ao enderezo edlg@iessanclemente.net, indicando o título e datos persoais dos/das participantes.
  • O PRAZO DE ADMISIÓN DAS PROPOSTAS REMATARÁ O 4 DE MARZO ÁS 23:59 HORAS.
  • Haberá un primeiro premio por valor de 100 €, un segundo de 75 € e un terceiro de 50 €, todos eles para cambiar por material informático, de papelería ou libros. E, ademais, acumulables no caso de xa ter gañado algún outro concurso ou certame do centro, ou chegar a facelo nun futuro.
  • Os vídeos seleccionados serán publicados polo EDLG na web do centro.
  • O xurado estará composto por persoas relacionadas co mundo do ensino e do audiovisual e poderá incluír membros externos ao centro. O seu veredicto será inapelable.
  • Por último, a participación no concurso supón a aceptación destas bases.

Veña esas cámaras! Estamos desexando ver as vosas propostas.