A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional pon en marcha un procedemento para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de réxime especial, e ensinanzas de educación secundaria e bacharelato para persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023-2024.
A acreditación das competencias dixitais do alumnado poderase realizar por obter un título do sistema educativo, por superar unha proba específica, ou combinando ambas as opcións.
O seguinte alumnado do centro acreditará o seu nivel ao obter unha titulación no curso 2023-2024:
- O alumnado de formación profesional que cursa ciclos da familia profesional de Informática e Comunicacións (todos os impartidos no IES San Clemente), acreditará o nivel de aptitude intermedio en competencias dixitais ao obter o título.
- O alumnado que obteña o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, acreditará o nivel de aptitude de iniciación en competencias dixitais ao obter o título.
O seguinte alumnado do centro poderá acreditar o nivel intermedio presentándose a unha proba específica:
- O alumnado matriculado no módulo IV das ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas no curso 2023-2024, poderá presentarse a unha proba específica para acreditar o nivel intermedio.
Esta proba axustarase ás cinco áreas de dominio definidas no Marco galego de competencias dixitais (https://competenciasdixitais.xunta.gal/areas.html). A alumna ou o alumno debe
responder nun tempo máximo de 90 minutos a un total de 60 preguntas de diferente complexidade e tipoloxía, referidas a cada unha das cinco áreas de dominio (12 preguntas por cada área). Para superar a proba específica de nivel intermedio deberase responder correctamente a un 70 % do total de preguntas, e cumprirá obter un mínimo do 60 % de respostas correctas en cada unha das cinco áreas.
É posible realizar unha proba de exemplo do nivel intermedio na ligazón https://certificacion-competenciasdixitais.xunta.gal/gl.
- O alumnado que obteña no curso 2023-2024 o título de bacharelato no réxime para persoas adultas, poderá acreditar o nivel intermedio superando unha proba específica para acreditar a área de dominio 4 (seguridade e privacidade).
Esta proba axustarase á definición da devandita área no nivel intermedio no Marco galego de competencias dixitais (https://competenciasdixitais.xunta.gal/areas.html). O alumnado deberá responder nun tempo máximo de 20 minutos a un total de 12 preguntas de diferente complexidade e tipoloxía.
A proba específica da área de dominio 4 do nivel intermedio considerarase superada ao responder correctamente ao 60 % das preguntas.
Inscrición nas probas específicas
En calquera destes dous casos, o alumnado que desexe realizar a proba específica, sexa do nivel intermedio (alumnado do módulo IV da ESO) ou sexa soamente da área de dominio 4 (alumnado de bacharelato en situación de titular), solicitará a súa inscrición empregando o modelo establecido no anexo I. A solicitude do alumnado menor de idade deberá contar coa autorización das persoas proxenitoras ou das persoas titoras legais.
Esta solicitude deberá ser entregada no centro, ou enviada por correo electrónico ao enderezo ies.sanclemente@edu.xunta.gal, indicando no asunto do correo “Acreditación de competencias dixitais“, con data límite do 15 de maio, ás 23:59 horas.
Características das probas específicas
As probas terán lugar, mediante medios informáticos, no IES San Clemente de Santiago de Compostela durante o mes de xuño. A data e hora están por determinar; esta información será dada a coñecer a través dunha nova publicada nesta páxina web (https://www.iessanclemente.net).
Certificación
O alumnado que acredite un nivel completo de competencia, por titulación, por proba ou combinando unha proba e unha titulación, recibirá unha certificación ComDix, que será emitida de oficio, enviada a través da aplicación Abalar, e estará dispoñible na Carpeta cidadá da sede electrónica da Xunta de Galicia de cada alumno ou alumna.
A certificación parcial dun nivel de competencia por áreas de dominio será entregada polo centro ao alumnado.
As certificacións terán unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou do alumno, ou da realización da proba específica.