O alumnado dos ciclos Pluri FP en lingua inglesa, de 2º DAM e DAW en réxime ordinario e 1º DAW Dual, tiveron a oportunidade de asistir a dúas horas semanais de clases de inglés.
Así mesmo recibiron unha axuda económica para a inscrición nos exames oficiais. O día 26 de febreiro tivo lugar no IES San Clemente o exame oficial de certificación en lingua inglesa TOEIC.
Os resultados dos 44 alumnos e alumnas que se presentaron ao exame foron os seguintes:
- 4 certificacións en nivel C1
- 20 certificacións en nivel B2
- 15 certificacións en nivel B1
- 5 certificacións en nivel A2
Conscientes da importancia da acreditación en Linguas Estranxeiras do alumnado de ciclos para acadar un mellor futuro profesional, o profesorado de Inglés ten como obxectivo número 1 nas clases de Inglés preparar ao alumnado para as probas de certificación no idioma.
Queremos que, cando o alumno remate o ciclo formativo, leve tamén consigo a certificación en Inglés.
Desafortunadamente, este curso académico non contamos coa colaboración dun auxiliar de conversa. O que adxudicaran tivo que renunciar por problemas persoais.
Agardamos que o vindeiro curso si que haxa auxiliar de conversa como apoio ás clases de inglés, xa que a experiencia indica que resulta moi beneficioso para a aprendizaxe e práctica do idioma por parte do alumnado.