O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca, como vén sendo habitual por estas datas, o 15º CONCURSO DE FELICITACIÓNS DE ANO NOVO, nesta ocasión encadrado no proxecto Escollemos Galego, que o centro está a desenvolver durante o curso 2024-25.
-
Poderá participar todo o alumnado do centro así como todo o alumnado doutros institutos.
-
Debe figurar o lema “PARA O 2025, ESCOLLEMOS GALEGO”.
-
A técnica e o deseño das felicitacións serán libres. Valorarase a presenza na felicitación de personaxes ou tradicións galegas do Nadal (por exemplo, o Apalpador, o Tizón de Nadal, os cantos das xaneiras / de aninovo etc).
-
Os traballos, elaborados en tamaño A5 (1754x2480px), deben ser dixitalizados e presentados en formato PNG con resolución 300dpi, sendo preciso para a participación no concurso envialos ao enderezo electrónico edlg@iessanclemente.net xunto cos datos persoais da autora ou autor antes do final do prazo de admisión.
-
Será condición indispensábel que estas creacións sexan orixinais (non poden ser usadas imaxes doutra autoría) e inéditas.
-
O PRAZO DE ADMISIÓN DAS POSTAIS FINALIZARÁ O 18 DE DECEMBRO.
-
Haberá un primeiro premio cun vale por 100 €, un segundo de 75 € e un terceiro de 50 €.
-
Os traballos premiados publicaranse na web do centro. Este realizará tamén unha exposición virtual con todas as postais presentadas ao concurso e poderá utilizar a galardoada co 1º premio para enviar como felicitación aos distintos membros da comunidade educativa e tamén aos externos á mesma.
-
O xurado estará composto por persoas relacionadas co mundo do ensino e poderá incluír membros externos ao propio instituto.
-
A participación no concurso supón a aceptación destas bases.