O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca, como xa vén sendo habitual por estas datas, o 15º CONCURSO DE MARCAPÁXINAS para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025, sendo este ano a autoría colectiva de sete cantareiras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, de Mens (Malpica).
As bases, de obrigado cumprimento, son:
- Poderá participar todo o alumnado do centro (ESA, Bacharelato e FP), así como todo o alumnado doutros institutos que teña coñecemento desta iniciativa e estea interesado na mesma.
- O marcapáxinas debe recoller algunha imaxe relacionada coa homenaxe do Día das Letras Galegas 2025 e o lema “Escollemos cantar en galego”. Pode incluír tamén, se así se considerar, algún texto alusivo, fragmento, frase curta etc, sobre as homenaxeadas.
- Cada marcador deberá ter dúas caras, con medidas de 18 × 5 cm, en formato PNG e resolución 300dpi.
- Admitirase unicamente un traballo por participante, e será condición indispensábel que este sexa orixinal e inédito.
- A proposta enviarase ao enderezo edlg@iessanclemente.net xunto cos datos persoais da persoa participante.
- O prazo de admisión finaliza no día 31 de marzo.
- Haberá un primeiro premio de vales por valor de 100 €, un segundo de 75 € e un terceiro de 50 €.
- A participación no concurso supón a aceptación destas bases.