Para conmemorarmos o Día Internacional da Muller (8 de marzo) e como este ano o Día das Letras Galegas (17 de maio) dedícase ás cantareiras, o Obradoiro da Igualdade do IES San Clemente convoca o 6ºCertame de Fotografía “MULLERES NA SOMBRA” cunha temática moi especial e harmoniosa.
BASES
1. Poderá participar toda a comunidade educativa do IES San Clemente (alumnado, profesorado e PAS).
2. As fotografías deberán ser orixinais, inéditas e terán que visibilizar o papel e a participación das mulleres na música, na tradición oral ou na expresión cultural galega. Pode ser a través de retratos, escenas de festa e comunidade, símbolos de transmisión oral ou mesmo composicións abstractas que evoquen ritmo e harmonía.
3. As fotografías deberán ter un título e vir acompañadas dunha frase que explique ou complete o seu significado.
4. Non se poderán empregar imaxes ou nomes que identifiquen marcas comerciais nin persoas das que non se dispoña de autorización para a difusión da súa imaxe.
5. As fotografías deberán enviarse por correo electrónico a igualdade@iessanclemente.net indicando o título, a frase que a acompaña e os datos persoais da persoa participante.
6. O prazo de participación estará aberto desde o dia 8 de marzo ata o 11 de abril do 2025 ás 23:59 horas. Non se admitirán fotografías recibidas con posterioridade a esa data.
7. Premiarase a calidade artística, a orixinalidade e a pertinencia do significado contido no material achegado.
8. As fotografías que non cumpran os criterios determinados nestas bases non serán consideradas e tampouco aquelas cuxo tema non sexa o sinalado nestas bases ou que podan resultar ofensivas.
9. Concederanse tres premios en cheques para libros ou material informático valorados en:
– 1º Premio: 60€.
– 2º Premio: 40€.
– 3º Premio: 30€.
Os traballos premiados publicaranse na web e no Instagram do instituto e desde o Obradoiro da Igualdade poñerémonos en contacto coas persoas gañadoras para establecer a forma de entrega dos premios.
10. O xurado será o Obradoiro da Igualdade, podendo contar coa colaboración doutros membros da comunidade educativa do centro.
11. O veredicto do xurado será inapelable.
12. A participación no certame supón a aceptación destas bases.
Animádevos a compartir imaxes, música e igualdade!