Acceso á Universidade para titulados en FP (P.A.U.)
PÓDESE ACCEDER DIRECTAMENTE A CALQUERA ESTUDO UNIVERSITARIO DE GRAO DENDE UN CICLO SUPERIOR?
Si. As persoas que dispoñan dos títulos de técnico superior de formación profesional, técnico superior de artes plásticas e deseño, ou técnico deportivo superior, ou títulos equivalentes, poderán acceder de modo directo, sen necesidade de proba, a calquera ensinanza de Grao.
Non se reserva un número de prazas no Grao para estes titulados, senón que entran só coa nota media do expediente en igualdade de condicións que os alumnos de bacharelato.
No caso de que o número de solicitudes de admisión a unha ensinanza de grao sexa maior que o número de prazas dispoñibles, a efectos de ordenar as solicitudes para a súa adxudicación utilizarase unha nota de admisión que coincidirá coa nota media do ciclo formativo.
COMO SE CALCULA A NOTA MEDIA DE ADMISIÓN (NMA)?
Será a suma das cualificacións numéricas dos módulos, cualificados de 1 a 10, sen decimais, e dividindo o resultado obtido polo número total dos módulos. Non serán computados os módulos de formación en centros de traballo e os que fosen obxeto de validación. A nota media expresarase con dúas cifras decimais e arredondada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.
COMO SE PODE MELLORAR A NOTA DE ADMISIÓN?
Para mellorar a nota de admisión hai que presentarse á parte específica das probas de acceso á univesidade (PAU).
QUÉ SON AS PAU?
A proba de acceso á universidade divídese en dúas fases: unha de carácter xeral, obrigatoria para os alumnos que proceden de bacharelato, e outra denominada fase específica, que é voluntaria para todos, con exames vinculados á titulación que queiras estudiar. A fase xeral só a teñen que facer os titulados en Bacharelato. Os titulados en FP poden presentarse voluntariamente á segunda parte (a específica). Esta fase tamén é voluntaria para os alumnos de bacharelato.
Se a fas axúdache a subir a túa nota de acceso á universidade ata 4 puntos (poderías sacar un 14). Se non a fas, a túa nota de acceso calcúlase como dixemos antes, calculando a media dos módulos do ciclo. Neste último caso, a nota máxima que podes sacar é un 10. Máis adiante explicarémosche cómo decidir se presentarte a esta fase específica ou non.
EN QUE CONSISTE A FASE ESPECÍFICA?
Esta fase específica é completamente optativa e permíteche sumar ata 4 puntos a túa nota de admisión. Cada estudante poderá presentarse a un máximo de catro exames á súa elección. O contido dos temarios sobre os que versarán os exercicios da proba específica será o establecido para o currículo das materias de modalidade de segundo de bacharelato. Para que as materias que escolles para examinarte computen no cálculo da nota de admisión, deberán estar adscritas á rama de coñecemento do grao ao que queiras acceder.
A cantas materias me podo presentar na fase específica? Ti decides de cantas te examinas. En Galicia pódeste presentar ata 4 materias. O normal é presentarse como mínimo a dúas ou a tres, e excepcionalmente a 4 exames. Se decides examinarte de máis de 2 materias, só se terán en conta as dúas mellores notas. En que consisten os exercicios da parte específica? Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións relacionadas coa materia. A duración de cada exercicio será de unha hora e media. Terás dúas opcións das que terás que elixir unha e poderás contestar en Lingua Castelá ou Lingua Galega. No caso de que algún exercicio estea relacionado con unha lingua estranxeira, deberá desenvolverse nesa lingua. Na solicitude de matrícula deberás indicar as materias de modalidade das que te examinarás. A cualificación das materias da fase específica terá validez para o acceso á universidade durante os dous curso académicos seguintes á superación das mesmas.
CÓMO SE CALCULAN OS PUNTOS QUE OBTEÑEN PRESENTÁNDOSE Á FASE ESPECÍFICA?
As cualificacións dos exames desta fase irán de 0 a 10 e para que conten é necesario acadar un 5. A notas que acadas en cada materia desta fase multiplícanse por 0´2 se a universidade designou a materia como prioritaria para a titulación á que queres acceder ou 0´1 se non, pero pertence á rama de coñecemento da titulación.
Estes resultados logo súmanse e engádense á túa nota de acceso que é a nota media do ciclo.
A nota calcúlase así :
NOTA DE ADMISIÓN= NMC+ a*M1 + a*M2
- NMC: Nota media do ciclo.
- M1 e M2: Cualificacións dun máximo de dous exercicios superados da fase específca no cas de que os temas sobre os que versen estean adscritos á rama de coñecemento do título ao que se queira acceder.
- A e b: Parámetros de ponderación dos exercicios superados da fase específica. En xeral teñen un valor de 0´1, pero as universidades poderán elevar dito valor ata 0´2 para aqueles temarios que consideren máis idóneos para seguir con éxito as ensinanzas universitarias.
No mellor caso, se te examinas de dúas materias cualificadas como prioritarias para a titulación que queres estudar, e acadas un 10 en ambas, sumarás 4 puntos adicionais directamente á túa nota de admisión.
- Calcúlase así: (10*0´2) + (10*0´2) = 4
Poñamos outro exemplo:
- Nota media do ciclo: 7´560 Fase específica:
- Materia 1 (clasificada como prioritaria): 9´20
- Materia 2 (clasificada como non prioritaria): 8´40
- Puntos adicionais: (9´20*0´2) * (8´4*0´1) = 2´68
- Nota de admisión: 7´560 + 2´68 = 10´240
É RECOMENDABLE PRESENTARSE Á FASE ESPECÍFICA?
A nosa recomendación é moi sinxela. Se a titulación que queres estudar non ten límite de prazas na universidade onde queres estudar, non che fai falta que fagas a fase específica. Só necesitas solicitar praza nos prazos establecidos. A fase especifica só sirve para subir nota. En cambio, se onde queres estudar hai prazas limitadas para a titulación que máis che interesa, deberías sen dúbida facer a fase específica, incluso se tes moi boas notas. Por qué? Supoñamos que tes un 8 no Ciclo e a titulación que queres estudar tivo o ano pasado unha nota de corte de 7. Entrar parece sinxelo, non? Pois se non fas a fase específica, non. Ten en conta que é probable que a maioría da xente que quere estudar o mesmo ca ti vai facer a fase específica, polo que sumará puntos á súa nota de acceso, e ao mellor a nota de corte para este ano será un 9. Conclusión: Se a titulación que che interesa ten as prazas limitadas, deberías facer a fase específica. Do contrario, por moi boas notas que teñas, arríscaste a quedar fóra.
CALENDARIO DAS PAU
PAU | XUÑO | SETEMBRO |
REALIZACIÓN DAS PAU | 10, 11, 12 | 16, 17, 18 |
PUBLICACIÓN DAS CUALIFICACIÓNS PROVISIONAIS | 19 | 24 |
SOLICITUDES DA SEGUNDA CORRECCIÓN E RECLAMACIÓN | 20-23 | 28-30 |
PUBLICACIÓN DAS CUALIFICACIÓN DA PAU DESPOIS DA RESOLUCIÓN DAS RECLAMACIÓNS | 26 | 2 de outubro |
SOLICITUDES DE REVISIÓN Á SEGUNDA CORRECCIÓN | 29 de xuño-1 de xullo | 3-7 de outubro |